Sede electrónica Ayuntamiento de Betanzos

14:22:56 Viernes 22 de noviembre 2024

Información

Servizo de Normalización Lingüística

07/10/2024

XII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos (2024)

EXP: 2023/D004/000014

ASUNTO: Aprobación das bases e a convocatoria do XII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos

Expediente: 2023/D004/000014

ANUNCIO

O Concello de Betanzos publica as bases e a convocatoria do XII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos ao abeiro do acordo adoptado na Xunta de Goberno Local do 12 de setembro de 2024, que resolve expresamente o seguinte:

[...] "PRIMEIRO. Aprobar a convocatoria e as bases do XII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos [...].

As bases do XII Concurso de creación literaria do Concello de Betanzos constan como anexo ao acordo adoptado e indican expresamente na base cuarta que a convocatoria deste concurso e as súas bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, na Base de Datos Nacional de Subvencións, na páxina web do Concello de Betanzos (www.betanzos.gal) e no taboleiro de anuncios municipal.

CONVOCATORIA DO XII CONCURSO DE CREACIÓN LITERARIA

O Concello de Betanzos convoca o XII Concurso de creación literaria que pretende promover a escrita creativa e fomentar a creación literaria en galego.

BASES

PRIMEIRA. O tema é libre e os textos deberán presentarse en lingua galega. Os orixinais deberán estar mecanografados a dobre espazo por unha soa cara con letra Times New Roman ou Arial, tamaño 12 puntos ou similar. Os textos que se presenten poderán ser relatos curtos (cunha extensión máxima de cinco páxinas) ou poesías (cunha extensión máxima de cinco poemas). Cada participante só poderá presentar un texto ao concurso.

SEGUNDA. Establécense tres categorías para a participación:

1.ª categoría: ESO

2.ª categoría: BACHARELATO / CICLOS FORMATIVOS

3.ª categoría: ABERTA

A primeira categoría (ESO) e a segunda categoría (Bacharelato e ciclos formativos) son exclusivamente para o alumnado dos centros de ensino de Betanzos (IES Francisco Aguiar, IES As Mariñas e CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”) e a temática é libre. Na terceira categoría (Aberta) poderá participar calquera persoa maior de idade

Haberá dous textos premiados en cada unha das categorías, un primeiro premio de 300 euros e un accésit de 150 euros. Sobre a contía do premio aplicaranse as retencións fiscais oportunas.

TERCEIRA. As persoas participantes concorrerán cunha única obra orixinal, inédita e individual. Os textos presentaranse cun pseudónimo e un título. Para garantir o anonimato, nos textos non poden aparecer datos persoais nin sinaturas.

Os textos achegaranse nun sobre pechado no que constará por fóra o pseudónimo, o título do texto e a categoría (ESO, Bacharelato e ciclos formativos ou Aberta). Dentro deste e nun sobre pechado figurarán os datos persoais do/a autor/a (nome e apelidos, idade, enderezo postal e electrónico, teléfono, curso e centro escolar) e no exterior deste indicarase o pseudónimo, o título do texto e a categoría (ESO, Bacharelato e ciclos formativos ou Aberta).

CUARTA. O prazo de entrega dos textos está aberto entre o 4 e o 28 de novembro (incluído este). Os textos poderanse entregar nas secretarías do IES Francisco Aguiar, do IES As Mariñas e do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao.

QUINTA. A convocatoria deste concurso e as súas bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, na Base de Datos Nacional de Subvencións, na páxina web do Concello de Betanzos (www.betanzos.gal) e no taboleiro de anuncios municipal.

SEXTA. Os criterios para a concesión dos premios serán a calidade e a orixinalidade dos textos, así como a innovación literaria, a creatividade na escrita, a corrección lingüística, a adecuación aos obxectivos do concurso. Valorarase a calidade estética, lingüística e da redacción, así como a orixinalidade do texto presentado.

SÉTIMA. O xurado estará composto por un/unha presidente/a e un/unha secretario/a nomeados/as para tal efecto e mais un/unha vogal de cada un dos centros de ensino de Betanzos con alumnado participante, así como unha escritora de recoñecido prestixio. O xurado está facultado para tomar a decisión que considerar oportuna ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nestas bases. O xurado resérvase o dereito de declarar deserto algún dos premios convocados.

OITAVA. O prazo de resolución do xurado será dun máximo de quince días a partir da data límite de entrega dos traballos. O nome dos gañadores e gañadoras publicarase na páxina web do Concello (www.betanzos.gal) logo da resolución do xurado. Así mesmo, o Concello comunicaralle ás persoas premiadas a hora e lugar da entrega dos premios nun acto que será público.

NOVENA. O Concello de Betanzos resérvase o dereito de difusión e/ou publicación dos traballos gañadores. Neste sentido os/as autores/as renuncian a calquera tipo de remuneración polos dereitos de autoría.

DÉCIMA. A participación nesta convocatoria supón a aceptación das normas recollidas nestas bases e da decisión do xurado designado.

Betanzos, 4 de outubro de 2024

María Barral Varela

Alcaldesa do Concello de Betanzos

 

 


Justificantes de Publicación: